Anteriormente, contabámosvos que Ourense é o destino perfecto se buscas unha escapada con presenza de augas termais, xa que a considerada «capital termal» destaca polos seus numerosos mananciais, pozas e piscinas naturais.
Pero, que podes ver en Ourense máis aló do seu termalismo? Contámoscho!
Praza Maior
Unha das primeiras paradas na túa visita a Ourense debe ser a Praza Maior, un lugar emblemático que non só é o corazón da cidade, senón que tamén alberga o Concello de Ourense.
Esta praza está rodeada por edificios nobiliarios, algúns deles con encanto medieval, o que te transportará a épocas pasadas. Aquí poderás gozar dunha atmosfera vibrante, especialmente durante as tardes, cando as terrazas dos cafés énchense de vida.
Aproveita para facer unha parada, tomar un café ou un viño galego e observar o bulicio da cidade.
Igrexa de Santa María Nai
Outro dos imprescindibles de Ourense é a Igrexa de Santa María Nai, unha das xoias arquitectónicas da cidade.
A súa fachada barroca é unha das máis espectaculares de Galicia, con detalles ornamentais que a fan destacar. No interior, a igrexa non queda atrás: dous impoñentes retablos de madeira acompañan o altar maior, onde se atopa a imaxe de Santa María Nai.
Ademais, a escultura da Piedade, de 1775, ofrece unha visión da devoción relixiosa da época. É un lugar de paz ideal para aqueles que buscan un momento de tranquilidade.
Praza do Trigo
Fronte á fachada sur da Catedral de Ourense, atópase a Praza do Trigo, outro recuncho con moita historia. Esta praza foi, en tempos pasados, o lugar de encontro de comerciantes que vendían cerámica, pratería e cereais.
No centro da praza, destaca a Fonte Nova, unha das máis antigas da cidade, rodeada de soportais que convidan a dar un paseo.
O ambiente tranquilo da Praza do Trigo contrasta coa actividade nas rúas principais, o que a converte nun lugar perfecto para relaxarse e gozar da arquitectura histórica que a rodea.
Catedral de Ourense
Tras explorar a Praza do Trigo, non podes perderte a visita á impoñente Catedral de Ourense, tamén coñecida como a Catedral de San Martiño.
Este templo, que data dos séculos XII e XIII, foi testemuña de múltiples ampliacións e reformas ao longo dos séculos. A súa arquitectura combina estilos románico e gótico, destacando o ciborio tardo-gótico que coroa o edificio.
A catedral alberga varios elementos de gran valor histórico e artístico, como o Cristo Románico, a Capela Maior e o Pórtico do Paraíso. Se che interesan os museos, o Museo Catedralicio dentro do edificio ofrece unha impresionante colección de arte relixiosa.

Miradoiro de Ourense
Se es amante das vistas panorámicas, non podes deixar de visitar o Miradoiro de Ourense. Desde este punto elevado, situado tras a Catedral, poderás gozar dunhas vistas espectaculares do casco antigo da cidade e, en particular, da catedral, cos seus tellados avermellados.
O acceso é por unhas escaleiras que soben pola Praza do Corrixidor, e o esforzo merecerá a pena ao ver a beleza da cidade desde o alto.
Se che gusta a fotografía, desde aquí poderás sacar unhas fotos espectaculares.
Claustro de San Francisco
Este claustro pertence ao que foi un antigo convento franciscano do século XIV e destaca pola súa conservación. Os 63 arcos de pedra, que descansan sobre columnas dobres, están decorados con detalles de motivos animais e humanos.
Un lugar perfecto para perderse na tranquilidade e beleza da súa contorna.
Eironciño dos Cabaleiros
Se o que buscas é relaxarte tomando algo despois dunha camiñada pola cidade, elixe a Praza Eironciño dos Cabaleiros, tamén coñecida como Praza do Cid.
Nela atopábase o antigo barrio aristocrático da cidade, e foi punto de encontro para moitos artistas e intelectuais galegos do século XX.
A Casa de María Andrea, co seu balcón de madeira do século XVI, é un dos elementos arquitectónicos máis destacados da praza.
Ponte Romana
Que mellor plan que un paseo á tardiña pola beira do Miño con vistas á Ponte Romana?
Esta construción, que data do século I d.C., é unha das máis antigas de Ourense e un testemuño da súa rica historia. A pesar das reconstrucións sufridas nos séculos XIII e XVII, conserva sete dos once arcos orixinais e segue sendo un dos poucos pasos para salvar o río Miño.
A ponte ofrece unhas vistas impresionantes do río e a cidade.

Outros destinos imprescindibles na provincia de Ourense
Se a túa estancia en Ourense é máis longa e anímaste a explorar máis aló da cidade, a provincia ten moito que ofrecer. Destinos como Allariz, unha encantadora vila medieval; Ribadavia, famosa polo seu casco antigo e o viño Ribeiro; e a Ribeira Sacra, cos seus impresionantes canóns e mosteiros, son paradas imprescindibles en calquera itinerario.

Xa sabes, Ourense non só te sorprenderá polas súas augas termais, senón que tamén te convidará a percorrer a súa historia, a súa arquitectura e a súa cultura.