Skip to main content

News

Recunchos de Galicia onde ver solpores de soño

Atardecer en Galicia.

Os días longos invitan a descubrir recunchos de Galicia onde ver postas de sol de soño. Un plan que che permite desfrutar duns arréboles con tons alaranxados e violáceos, únicos na Península. E que nunca falla, tanto se vas só coma se vas acompañado, por ser un momento de pausa, desconexión e contacto coa natureza, lonxe do ruído.

Nesta breve lista, propoñémoste tres paradas obrigatorias para contemplar o solpor se te hospedas nalgún dos nosos hoteis Carrís de Galicia:

Fiestra ao Atlántico – A Coruña

Esta construción de 4,5 m de altura, erixida sobre doce bloques de granito, érguese na costa da cidade da Coruña. A súa localización privilexiada, fronte ao océano Atlántico, convértea nun enclave ideal para contemplar a posta de sol.

Situada entre o monte de San Pedro e O Portiño, non só ofrece a posibilidade de observar un dos últimos puntos do país por onde se esconde o sol, senón que tamén conta con vistas ás illas de San Pedro e Punta Langosteira.

Desde alí, as vistas da costa deixaránte sen palabras, pero a experiencia non sería a mesma sen a emblemática Fiestra ao Atlántico. Unha obra de Francisco Pazos Martínez, que deixa en mans do visitante a decisión de levar consigo unha fotografía digna de postal.

Parque de Santo Domingos de Bonaval – Santiago

Poida que o Parque da Alameda sexa o máis coñecido da capital galega, pero o de Santo Domingos de Bonaval ten maior potencial cando se trata de sentarse a contemplar o solpor.

A poucas rúas do centro, a súa singular disposición en ladeira deixa entrever a liña do horizonte desde distintos niveis orientados cara a poñente. A Catedral de Santiago e o conxunto monumental son algúns dos puntos turísticos que se distinguen desde este punto. Ademais, os característicos tellados composteláns achegan un encanto especial á paisaxe.

Este espazo verde é frecuentado a miúdo tanto por locais como por estudantes que acoden co mesmo propósito ou que, mesmo, melloran a experiencia cun picnic improvisado. O parque conta tamén con carreiros sinuosos, fontes e un notable interese botánico.

Miradoiro O Cabo do Mundo – Ourense

Este miradoiro é un deses imprescindibles para quen desexa mergullarse na Ribeira Sacra en todo o seu esplendor. Atópase fronte ao meandro que debuxa o río Miño no seu percorrido, cunha panorámica de 360º da paisaxe.

Grazas á súa altitude, pódese identificar o característico sistema de cultivo da vide en socalcos, que define esta rexión, desde o miradoiro. O acceso é sinxelo en coche e dispón de aparcamento gratuíto, accesible para persoas con mobilidade reducida.

Se te animas a ir máis lonxe a pasar o día, a Illa Pancha, xunto á costa de Ribadeo (Lugo), e o Miradoiro A Siradella, no punto máis alto do Grove (Pontevedra), son outros lugares imprescindibles.

Entrada:
Salida:
Ventajas exclusivas de reservar en la web