Skip to main content

News

Galicia brilla este verán con 108 praias con bandeira azul

Galicia-se-luce-este-verano-con-108-playas-con-bandera-azul

Este 2025, Galicia volve a brilla con luz propia no que a praias se refire: 108 areais repartidos en 35 concellos foron recoñecidos coa bandeira azul, un dos selos de calidade ambiental máis coñecidos a nivel internacional. Este galardón, que entrega cada ano a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), premia as praias que destacan pola súa limpeza, servizos, accesibilidade e respecto polo medio ambiente.

Con estes datos, Galicia mantense entre as tres comunidades autónomas con máis bandeiras azuis de todo o país, por detrás da Comunidade Valenciana, que suma 143 praias recoñecidas, e Andalucía, con 138. É dicir, estamos no podio das mellores costas de España.

Entre os 138 areais galegos premiados este ano, hai que destacar o caso da praia do Mende, en Vigo, que logra este distintivo por primeira vez. Tamén hai outras que recuperan a súa bandeira azul despois dun pequeno parón, como a praia Grande en Miño ou a de San Francisco, en Muros, que non estiveron presentes na lista de 2024.

Pero a cousa non vai só de praias. Tamén se deron a coñecer os portos deportivos que ondearán bandeira azul este verán. A nivel estatal, son 101 as instalacións recoñecidas, e delas 12 están en Galicia, unha máis ca o ano pasado. A novidade este ano é a incorporación do Liceo Marítimo de Bouzas, que se estrea neste selecto club.

Ademais, Galicia tamén destaca noutro apartado: o dos centros azuis, unha categoría que inclúe aulas do mar, centros de interpretación, espazos de educación ambiental e similares. Aínda que non levan unha bandeira azul física, o seu labor no litoral é recoñecido cada ano pola ADEAC. Dos 92 centros que hai en todo o país, 17 están en Galicia, o que nos converte na segunda comunidade con máis centros azuis, xusto detrás de Valencia, ten 23.

Neste apartado, destacan dúas novas incorporacións: o Museo-Centro de Interpretación Mar do Sorrizo, en Arteixo, e o visor submarino Nautilus, que forma parte das instalacións da Autoridade Portuaria de Vigo. Ambos se suman este ano por primeira vez ao listado.

Cómpre lembrar que a bandeira azul non se concede ao azar: os criterios son bastante esixentes. No caso de praias e portos, valóranse aspectos como a calidade da auga, a seguridade, o acceso para persoas con mobilidade reducida, os servizos dispoñibles (duchas, socorristas, limpeza…) e unha boa xestión ambiental. Os centros azuis, pola súa banda, deben centrarse en educar e sensibilizar sobre a importancia de coidar o medio mariño.

Así se reparten as bandeiras por provincias:

Se facemos unha análise por provincias, Pontevedra volve situarse no máis alto do ranking: 53 praias e 7 portos deportivos recoñecidos. Séguelle A Coruña, con 39 praias e 4 portos, e Lugo, con 16 areais e 1 porto.

A nivel municipal, Sanxenxo repite un ano máis como o concello con máis bandeiras azuis de toda España. En total, son 17 praias galardoadas, exactamente as mesas que en 2024. Séguelle Vigo, que non só destaca polos seus areais, senón que tamén suma un porto deportivo e un centro azul. Logo veñen concellos como Baiona, con 6 praias, unha área portuaria e un centro azul.

Na Coruña, Arteixo é o concello con máis distincións, con 6 praias e 1 centro azul. Pola súa banda, Oleiros conta con 5 areais premiados e 2 centros educativos do programa. En Lugo, o concello con máis praias recoñecidas é Foz, con 5, seguido de Burela, con 2 areais e 2 centros azuis. Ribadeo suma dúas praias e o único porto deportivo premiado da provincia, e tanto Barreiros como O Vicedo achegan dúas praias cada un.

Tamén hai espazo para sendeiros azuis

Por cuarto ano consecutivo, a ADEAC tamén entrega os chamados sendeiros azuis, rutas que conectan praias ou espazos naturais con valor ambiental e que están pensadas para gozar da paisaxe a pé mentres  aprendemos a coidala. Galicia volve liderar esta categoría con 54 dos 154 sendeiros azuis que existen en todo o país. Son cinco máis ca o ano pasado, e seguimos sendo a comunidade con máis itinerarios recoñecidos.

Así, sumando praias, portos, centros azuis e sendeiros, Galicia acada este ano a impresionante cifra de 191 galardóns. Unha cifra que nos consolida no terceiro posto a nivel estatal, só superados pola Comunidade Valenciana (213) e Andalucía (196).

Podes consultar todos os galardóns concedidos por provincias e diferencias en praias, portos e centros azuis aquí.

Entrada:
Salida:
Ventajas exclusivas de reservar en la web